Que é Brauliotuber?

Braulio Bolechas percorre os centros escolares de toda Galicia para mostrar o que fan os escolares de educación infantil e primaria nas aulas. Para iso bota man dun formato ben coñecido para as novas xeracións e que se adapta perfectamente aos contidos desta proposta: vídeos curtos e áxiles, moi rápidos e divertidos, que arredor dun tema central –o que presenta cada centro– permite recoller anécdotas e accións espontáneas dos cativos que aportan frescura e diversión, ao tempo que converte a cativada en auténtica protagonista.

Un protagonismo que comparten co seu grupo de referencia e coa súa contorna a través da elección do tema principal de cada vídeo, o que contribúe a fomentar o sentimento de pertenza. Pero o conxunto de pezas que conforman Brauliotuber permitirán á cativada coñecer outras tradicións, outras formas de traballo nas aulas, outras vilas etc. de xeito que se vaia construíndo un álbum diverso e rico de toda a comunidade galega.

Pero, ademais, cada vídeo é unha mostra do gran traballo que desenvolve cada día o persoal educativo nas aulas, un labor de importancia vital para o noso futuro como sociedade e non sempre ben coñecido. Deste xeito, Brauliotuber converterase no mellor altofalante do mundo escolar e na mellor homenaxe ao colectivo que está formando as futuras galegas e galegos.

E sempre coa alegría e a diversión que caracterizan os Bolechas.

PORTADA VÍDEOS