Os Bolechas, O Amigo Monte

O espectáculo

O ESPECTÁCULO

Os Bolechas chegan a unha suposta fraga para ver animais e respirar aire puro. Pero o lugar está cheo de lixo e contaminación. Alí atopan un personaxe pouco amigable, ao que só lle preocupan os cartos e a tecnoloxía.

Ata que os Bolechas –coa axuda do público– lle fan ver a necesidade de manter limpos os bosques e coidar o medio no que vivimos.


INICIATIVA DIDÁCTICA

Unha vez máis Os Bolechas botan man dunha proposta divertida que ten, á súa vez, un compoñente didáctico moi vinculado á nosa comunidade e aos intereses que defende sempre a popular familia, neste caso o medioambiente. Para iso afóndase na necesidade de manter unha contorna natural coidada e en boas condicións incidindo nas principais medidas a tomar para evitar os graves problemas que ameazan o noso medio actualmente.

De xeito transversal, como é habitual, trataranse cuestións moi próximas a esta, como é o traballo en equipo, a colaboración, fomento de prácticas saudables e, por suposto, habilidades lingüísticas en galego, de forma que o idioma sexa o eixo a través do que se configura todo o universo de diversión que levan aparelladas as iniciativas dos Bolechas.



PARA TODA A FAMILIA

O espectáculo mistura o formato de monicreques manipulados por actores á vista con actores reais. Aínda que os verdadeiros protagonistas da historia son, como é habitual, as nenas e nenos que participan na actividade, especialmente pensada para estudantes de educación infantil e primaria.

Non obstante, coma sempre, as propostas dos Bolechas están pensadas para que goce toda a familia, desde o ano ata… os cen! A duración media da función está arredor dos 60 minutos.


Galería