15 de xullo de 2025
Os Bolechas xa están de volta un ano máis para facer as delicias de nenos e nenas. A cuarta edición da xira desta adorable e divertida familia comezará mañá ás 12:00h no Patio do CEIP de Pedrouzos, en Brión, na que será a primeira etapa da súa viaxe en caravana por 15 concellos de toda Galicia.
Nesta ocasión Os Bolechas coñecerán a un misterioso personaxe que, cun saco cheo de probas, retará á familia a realizar «O gran reto deportivo», un desafío no que terán que poñerse forma e dar o mellor de si. Deporte, traballo en equipo e moito humor serán os ingredientes desta aventura sobre rodas.
Esta visita da caravana dos Bolechas é un acontecemento que permite á cativada relacionarse cos seus personaxes preferidos a través do teatro de monicreques, pero ademais realízanse outras actividades complementarias a pé de rúa, como sorteos de libros. Sen perder de vista a diversión que caracteriza a familia Bolechas, a iniciativa pretende espertar a curiosidade e as ganas de aprender, así como fomentar o uso da lingua galega no ámbito deportivo. «O gran reto deportivo» contribúe a fomentar o idioma galego e a importancia de que as nenas e os nenos leven unha vida activa e saudable.
Este espectáculo ao aire libre está pensado para nenos e nenas de 4 a 9 anos e as súas familias, e busca a participación da rapazada con explicacións, preguntas e probas. Dende o espírito educativo que os caracteriza, Os Bolechas seguirán a promover o uso da lingua e cultura galegas, e a dinamizar o ocio en galego a través da aprendizaxe e o lecer. Esta iniciativa enmárcase dentro do FalaRedes, un programa de dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
Unha ruta con 15 paradas
O primeiro encontro terá lugar en Brión, pero está previsto que a caravana dos Bolechas faga outras 14 paradas. Visitarán os concellos de Silleda, Soutomaior, Carral, Bergondo, Cedeira, Paradela, O Grove, Melide, Pontedeume, Burela, Lalín, Negreira, Cee e Teo, onde será o derradeiro espectáculo o 31 de agosto. Estas son todas as datas: