As lamberetadas dos Bolechas adozan o Nadal

Os Bolechas presentaron a nova xira “As lamberetadas de Nadal”, un espectáculo teatral pensado para o público familiar que chega aos concellos de Vimianzo, Xinzo de Limia, O Barco de Valdeorras, Bueu, Abadín, Padrón, Viveiro, Foz e Redondela.

 


23 de decembro de 2025



Os Bolechas presentaron a nova xira “As lamberetadas de Nadal”, un espectáculo teatral pensado para o público familiar que percorrerá distintos concellos galegos durante estas festas. Ao acto de presentación asistiron a subdirectora de Planificación Lingüística, María Coutinho Villanueva; o director de Proxección Social da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), Xaime Arias; o delegado de Gadisa na Área de Santiago, Román Roo; e Antonio Couto Rego, en representación de Edicións Bolanda.

Durante a presentación destacouse o valor desta proposta como unha alternativa de lecer en galego para desfrutar en familia durante as festas de Nadal, así como a súa contribución á transmisión de valores culturais e lingüísticos entre as xeracións máis novas. Con esta nova xira, Os Bolechas consolidan o seu papel como referente do lecer infantil en galego, ofrecendo un espectáculo que combina tradición, entretemento e lingua propia para vivir o Nadal en familia.

Neste teatro de monicreques, Os Bolechas xa teñen todo está preparado para celebrar a tradicional cea de Noiteboa: o bacallau con coliflor, os doces e, por suposto, as lamberetadas. O avó Emiliano, xunto cos seus netos, encárgase de mercar os preparativos e adornar a mesa para unha noite moi especial. Só faltan os convidados, que chegarán para compartir unha cea chea de humor, música e emocións, nunha celebración do Nadal como tempo de encontro e convivencia familiar.

Calendario de actuacións

21 de decembro: Vimianzo, Auditorio da Casa da Cultura – 18:00 h

22 de decembro: Xinzo de Limia, Salón de actos da Casa da Cultura – 19:00 h

23 de decembro: O Barco de Valdeorras, Teatro Lauro Olmo – 18:30 h

26 de decembro: Bueu, Centro Social do Mar – 19:00 h

27 de decembro: Abadín, Salón de actos do Concello – 12:00 h

29 de decembro: Padrón, Auditorio Municipal – 18:00 h

2 de xaneiro: Viveiro, Teatro Pastor Díaz – 18:00 h

3 de xaneiro: Foz, Sala Bahía – 18:30 h

4 de xaneiro: Redondela, Multiúsos de Chapela – 18:00 h

 

  









Arquivos