Os Bolechas presentan novo libro en Trives

Os Bolechas presentan mañá, venres 3 de xaneiro, un novo título da colección Guías: A Pobra de Trives. Na presentación estarán os propios Bolechas e o seu creador, Pepe Carreiro.


02 de xaneiro de 2014



Os Bolechas estarán mañá na Pobra de Trives para presentar a súa nova aventura, que transcorre precisamente nesta vila ourensá. Como é habitual, ao principio do libro un mapa guíanos polos lugares máis destacados da zona e ao final hai varias páxinas de actividades relacionadas coa historia para divertirse e demostrar o aprendido sobre A Pobra de Trives.

A aventura dos Bolechas comeza esquiando en Manzaneda, onde a Carlos se lle ocorre montar nunha égua que bota a correr con el por todo o municipio. Vai en busca dun cabalo do que está namorada e que pertence a Lidia, unha veciña de Trives. Pero non son os únicos namorados...

Os Bolechas visitarán Trives para presentar o seu novo libro. Ás 16.30 h sairán da Casa do Concello e irán andando ata a Casa da Cultura, onde as 17.00 h o autor, Pepe Carreiro, e o alcalde da Pobra de Trives, Francisco José Fernández, presentarán a obra.

Ademais, na Casa da Cultura estará todo o Universo Bolechas, para que todas as nenas e nenos que se acheguen ata alí poidan gozar das múltiples actividades que ofrece: karaoke, máquina de fotos etc. E, por suposto, en compaña dos mesmísimos irmáns Bolechas!









Arquivos