O novo libro-disco-vídeo dos Bolechas abre o Mes das Letras, que inclúe concursos, xogos e diversas iniciativas

A nova proposta dos Bolechas é un pack que inclúe un conto, un DVD co concerto de Monoulious DOP e un código para descargar as cancións do álbum en formato dixital. A iniciativa forma parte das actividades programadas polo Mes das Letras, entre as que destaca a edición do libro adicado a Casares, novos xogos, concursos e moitas máis propostas. 


12 de maio de 2017



Chis Pum é o título do novo pack dos Bolechas que xa está dispoñible nas canles de venda habituais. Trátase dunha novidosa proposta que reúne un conto dos Bolechas, un DVD co concerto que deron os populares personaxes co grupo Monoulious DOP e un videoclip do primeiro single, así como un código de descarga das cancións en formato dixital. Deste xeito as seguidoras e seguidores dos Bolechas poderán levar o novo disco en calquera dispositivo e gozar del cando e onde queiran.

O éxito do concerto, emitido pola TVG o pasado Nadal, levou a editar un DVD que permita a todos os seguidores da popular familia gozar do grande espectáculo que Monoulious DOP imprime a todas as súas postas en escena. Deste xeito, ademais de ter as cancións, os fans disporán das imaxes do concerto nun DVD con varios extras, como subtítulos en galego e un videoclip dun dos temas presentados naquela cita. E, por suposto, todo acompañado dunha nova historia de Pepe Carreiro que fará as delicias dos máis novos.

Mes das Letras Galegas 

A publicación de Chis Pum enmárcase nas actividades programadas con motivo das Letras Galegas entre as que se atopa a edición do terceiro tomo da colección As miñas primeiras Letras Galegas, adicado a Carlos Casares, o persoeiro ao que se lle dedica este ano a data.

Tras o volume adicado a Eduardo Pondal, que narra a descuberta de América a través dos versos d’Os Eoas, e o de Curros Enríquez, baseado na obra O Divino Sainete, o adicado a Carlos Casares inspírase no conto A rapaza do circo incluído no libro Vento ferido.

Ademais, o Mes das Letras dos Bolechas, inclúe moitas outras sorpresas, como a visita dos Bolechas o 17 de maio á Fundación Pondal en Ponteceso, a presentación de novos xogos e actividades e a convocatoria de varios concursos. Todas as actividades poden seguirse, como sempre, a través desta web e das redes sociais dos Bolechas. 









Arquivos