Case sete mil galegos viaxaron na nosa Máquina do Tempo

Máis de 6.900 persoas viaxaron na Máquina do tempo dos Bolechas, que esta fin de semana remataron a súa xira por Galicia tras oito meses nos que percorreron máis de 40 vilas da man do FalaRedes. 


26 de outubro de 2015



Esta aventura, que comezou no mes de marzo en Ourense, percorreu un total de 41 localidades de toda Galicia nos últimos oito meses, nos que a función dos Bolechas foi vista por máis de 6.900 persoas, boa parte delas nenas e nenos de entre 3 e 10 anos aos que ía especialmente dirixida esta proposta cultural.

Ao igual que o ano pasado co Sabichón, Os Bolechas na máquina do tempo propoñía un espectáculo con muppets a xeito de concurso no que todo o público interviña e participaba activamente, de modo que cada función era unha obra única e irrepetible baixo o denominador común da historia principal.

Esta historia xiraba arredor dunha máquina do tempo que levaba a Carlos e a Pili á Prehistoria e obrigábaos a buscar baterías para facer funcionar de novo a máquina e volver ao presente. Aí é onde todo o público debía axudar os irmáns participando en diversas probas e xogos.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, levou Os Bolechas na máquina do tempo por toda Galicia dentro do Programa FalaRedes 2015, a concellos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística da Xunta, coa colaboración das deputacións provinciais da Coruña e Pontevedra en concellos da súa competencia territorial.

O éxito de participación, cunha media de asistencia que superou o 90 % da capacidade das salas nas que se representou a función –na maior parte esgotáronse todas as entradas–, volveu deixar constancia da boa acollida das propostas da popular familia, que traballa xa en novas iniciativas coas que entreter os máis novos.

Últimos sorteos

Malia que as funcións remataron, aínda faltan por celebrar os sorteos deste mes de outubro, o que terá lugar, como é habitual, o primeiro día lectivo do mes seguinte, neste caso o 3 de novembro.

Ese día coñeceranse os nomes dos últimos 15 premiados con lotes de libros dos Bolechas. Se os gañadores asistiron a algunha das funcións e deron correctamente a palabra clave dobrarán o premio, polo que recibirán dous lotes de libros. De non ser así, levarán un lote de cinco libros dos Bolechas de xeito totalmente gratuíto.

O sorteo continúa activo ata o día 31 deste mes, polo que aínda hai tempo para participar e poder gañar un magnífico lote de libros.  









Arquivos