Este Nadal… Caravana Solidaria dos Bolechas

Os Bolechas visitarán varias vilas este Nadal cunha Caravana Solidaria na que non faltará o autobús de dúas plantas con multitude de propostas totalmente gratuítas. 


11 de decembro de 2014



A Caravana de Nadal Solidaria comezará en Arteixo o día 23 e pasará por Baiona (r/ Carabela Pinta) o día 27 e Porto do Son (explanada portuaria) o 28 para rematar o 29 de decembro en Vilalba (praza da Constitución). En todas as vilas a Caravana, patrocinada pola TVG e pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, estará de 12.00 a 14.00 h e de 16.00 a 21.00 h. 

A Caravana de Nadal dos Bolechas está composta polo R4, unha carpa onde se poderán adquirir produtos dos Bolechas e o espectacular autobús de dúas plantas, onde os pequenos seguidores desta familia poderán gozar de multitude de iniciativas: xogos, sesións de cine, talleres de debuxo e de artes plásticas etc.

Todas as actividades serán libres e totalmente gratuítas, aínda que a xira será máis curta do habitual debido ao desembarco dos Bolechas en Portugal a principios de xaneiro. Aínda así, haberá opción de ver os populares personaxes o día 5 de xaneiro nas Cabalgatas de Reis, entre outras na de Vigo, tal como recordou a directora xerente da TVG.

Novos Bolechas corpóreos

Por suposto tampouco faltarán na Caravana Os Bolechas corpóreos, os enormes bonecos que causan sensación por onde van. Pero ademais “haberá sorpresa”, segundo anunciou Antonio Couto de Edicións Bolanda, porque a Caravana de Nadal “estreará novos bonecos, entre os que se atoparán os corpóreos de Tatá e Chispa, que ata o de agora non contaban con entidade propia”. Ambos os dous irán nun novo vehículo, “nada menos que un coche de bombeiros que fará as delicias dos pequenos fans dos Bolechas”.

Na presentación da Caravana de Nadal xa se puido ver a Chispa e a Carlos no novo coche. A produtora asegura que será “unha das grandes atraccións desta xira, máis curta do habitual polo desembarco en Portugal”. A directora xerente da televisión galega, Rosa Vilas, destacou o feito de que Os Bolechas da TVG “dean o salto á televisión pública de Portugal e a toda a lusofonía de África”, e recordou que xa se están emitindo en oito comunidades españolas cun grande éxito. Vilas asegurou que é “un éxito de Bolanda” que agora recolle os froitos do “tesón, o sacrificio e a paixón que puxeron desde o primeiro día neste proxecto”.

Tamén o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou o feito de que Os Bolechas dean o salto á lusofonía, pero explicou que o máis importante é o que estes personaxes “teñen feito xa pola implantación do galego nas idades temperás”, un obxectivo máis presente que nunca “como vén de indicar o recente informe do Instituto Galego de Estatística”.

Pulseiras solidarias

A Caravana de Nadal incluirá unha carpa na que se poderán adquirir diversos produtos dos Bolechas, desde libros –entre eles dous novos títulos que chegarán ás librarías esta mesma semana– ata a Biblioteca Básica ou unhas pulseiras solidarias exclusivas para esta Caravana de Nadal.

En total son sete pulseiras, unha de cada irmán mais outra de Chispa, que se poderán mercar ao prezo de dous euros cada unha ou 10 euros as sete, e cuxos beneficios irán destinados á asociación Arela, que traballa con nenos, nenas e adolescentes que viven situacións de desprotección familiar ou conflito social. 









Arquivos