Premios para todos coa nova proposta dos Bolechas

A nova iniciativa para FalaRedes, Os Bolechas na máquina do tempo, inclúe unha páxina web chea de actividades e xogos onde podedes conseguir fantásticos lotes de libros dos Bolechas.


31 de marzo de 2015



Os Bolechas na máquina do tempo é a primeira proposta do programa de dinamización lingüística FalaRedes, un espectáculo familiar en galego que promove o uso e a valoración positiva da lingua propia de Galicia. A nova xira dos Bolechas que comezou esta fin de semana e chegará ata final de ano, inclúe moitas novidades, como unha páxina web onde, ademais de todo o relacionado co concurso que percorre Galicia, pode atoparse moita máis información, actividades e xogos relacionados coa temática da iniciativa.

Pero a nova web inclúe, ademais, un apartado adicado ao sorteo de magníficos lotes de libros dos Bolechas. Haberá tantos sorteos mensuais como espectáculos se celebren ao longo dese mes e poderá participar neles calquera persoa, asista ou non aos espectáculos. De non ter asistirdo só hai que elixir na páxina do sorteo o botón “NON vin Os Bolechas pero quero gañar igualmente un lote de libros”. Abrirase un formulario para inscribirse e automaticamente éntrase no sorteo.

Premio dobre por asistir ao espectáculo

No caso de ter asistido a algún dos espectáculos haberá que pinchar no botón “SI vin Os Bolechas” e poñer no formulario en que vila viron a función e a palabra clave que se deu alí. Deste xeito o premio multiplicarase por dous, o que significa que o gañador do sorteo levará dous lotes de libros. Cada lote está compostos de cinco títulos, polo que en caso de ter participado nalgún espectáculo e saber a palabra clave, a gañadora ou gañador recibirá dez libros dos Bolechas.

Así ocorreu con dous dos gañadores do primeiro sorteo celebrado este 31 de marzo e correspondente a este primeiro mes de xira: Alejandro Leiro "Bibifoc", de Barrantes, e Alejandro, de Teo, –ambos os dous de 4 anos–, fixéronse con dez libros ao poñer a palabra clave do lugar onde asistiron ao espectáculo. O terceiro gañador Artur, dun ano e veciño de Carballo, participou se ter asistido a ningunha función pero leva igualmente premio: un lote de cinco libros.

A finais de abril terá lugar o novo sorteo no que se entregarán tantos premios como espectáculos se celebren ao longo deste mes. E, de novo, pode participar todo o mundo, asista ou non ás funcións.

PARTICIPADE E… SORTE! 









Arquivos