Política Lingüística presenta a xira dos Bolechas na máquina do tempo

Os Bolechas inician este sábado 18 de xullo unha xira enmarcada no FalaRedes 2015 que os levará a 40 concellos da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia. 


14 de xullo de 2015



O Miradoiro do Gundián na Ponte Ulla acolleu a presentación da actividade Os Bolechas na máquina do tempo que se encadra no programa “FalaRedes 2015”. A familia animada máis coñecida de Galicia comezará este sábado, 18 de xullo, unha xira polos concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia que os levará ata o mes de outubro a 40 localidades.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, explicou na presentación da xira que “os Bolechas son un referente positivo para a xente miúda por estaren todas as súas actividades e propostas totalmente identificadas coa promoción do uso da lingua e da cultura galegas. Se hai uns personaxes animados cen por cen galegos e en galego, son os Bolechas”.

García Gómez explicou que o programa FalaRedes quere aproveitar a fidelización e a potencialidade destes personaxes para dinamizar o uso da lingua propia no lecer e tamén a valoración positiva do galego. Na presentación o secretario xeral estivo acompañado polo alcalde de Vedra, Carlos Martínez, e por Tomás Valín, responsable de Edicións Bolanda.

Unha aventura a través do tempo para dinamizar o idioma

A proposta dos Bolechas para este FalaRedes é un “teatro-concurso” no que os monicreques manipulados por actores á vista simulan unha aventura a través do tempo na que van precisar da axuda do público.

A actividade ten continuidade nunha aplicación web onde a cativada se pode facer con cadanseu diploma de viaxeiro e acceder a xogos e sorteos. Co aliciente de que os asistentes ao espectáculo coñecen en exclusiva unha palabra clave coa que poderán dobrar o premio do sorteo  e acceder a dous lotes de libros dos Bolechas, no canto de un, en caso de resultaren premiados.

Próximas funcións

Tras a estrea en marzo nos concellos de Ourense, Cambados, Santiago e Cee, a actividade retoma a súa xira este mesmo sábado, 18 de xullo, en Vedra, cunha función no Museo Paz Camps de San Fin de Sales, ás 19:00 horas; e o domingo en Caldas de Reis, con outra no Auditorio Municipal, ás 12:00 horas. A entrada é libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

Nas fins de semana de xullo, setembro e outubro, a proposta chegará aos concellos de Rodeiro, Guitiriz, Betanzos, Neda, Pontedeume, Vilagarcía de Arousa, Carnota, Muros, Brión, Dodro, Padrón, Ames, Oroso, Burela, Vilalba, Castro de Rei, Ribeira, Lousame, Negreira, Cerceda, Santa Comba, Ponteceso, Ribadavia, Celanova, Barbadás, Cerdedo, Aranga, Abegondo, Noia, Mos, Moraña, Ponteareas, Marín e Soutomaior. Farao, no caso das provincias da Coruña e de Pontevedra, coa colaboración das deputacións provinciais.

O calendario completo da actividade xa está dispoñible en www.lingua.gal e tamén na Axenda de Cultura de Galicia e na propia páxina web da actividade, www.osbolechas.gal/maquinadotempo. Máis información sobre “FalaRedes 2015” no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística e nas redes sociais.









Arquivos