Varios famosos visitan a casa dos Bolechas este Nadal

A TVG estrea mañá, 24 de decembro, varios especiais dos Bolechas que transcorren durante estas festas e nos que participan caras famosas da nosa comunidade como Francis Lorenzo ou Gayoso.


23 de decembro de 2015



O Nadal na casa dos Bolechas é o título dos novos capítulos especiais de Nadal que emitirá a Televisión de Galicia durante estas festas e que, a maiores das aventuras desta familia nas datas de Nadal, únese o atractivo da participación de personaxes de diferentes ámbitos de actividade moi coñecidos, e moi queridos, na nosa comunidade.

Deste xeito Os Bolechas recibirán na súa casa a visita dos actores Luis Iglesia (Matalobos, Pazo de Familia, Piratas…) e Sheyla Fariña (Serramoura, Acacia 38…); de Diego Viaño, o home do tempo da TVG e de Marga Pazos, presentadora do Telexornal), e tamén doutros rostros coñecidos como o do Mago Antón, o adestrador do Obradoiro Moncho Fernández, o actor Francis Lorenzo ou o presentador Xosé Ramón Gayoso.

Todos eles participan ­–algúns cos seus fillos, sobriños…–, nesta edición especial de Nadal dos Bolechas que se compón de catro capítulos: O boneco de neve, Noiteboa, Ano Vello e Reis. Estas aventuras transcorren, precisamente, nestes días tan especiais para os máis pequenos, de xeito que sintan os Bolechas aínda máis próximos á súa realidade cotiá e aprendan cousas novas sobre estas festas.

Con esta iniciativa a canle pública autonómica aposta por seguir fomentando a “programación infantil en galego” e salvagardar a lingua propia “para xeracións futuras”, un dos obxectivos da compañía á hora de apostar por levar os personaxes creados por Pepe Carreiro no ano 2000 á tele. O éxito da serie, estreada en setembro de 2012, fai que, aos capítulos que se emiten a diario, se sumen tamén especiais deste tipo e outros como o curso de inglés Os Bolechas One2Three, emitido no verán de 2014 e que forma parte do material que se pode atopar nas librarías co mesmo nome.

Arestora, a segunda canle da televisión pública autonómica emite diariamente a serie arredor das 8.15 e das 12:15 h e, pola tarde, sobre as 16:45 h.









Arquivos