Próximas citas dos Bolechas este Nadal

Seguimos percorrendo Galicia este Nadal para felicitar as festas a todas as amigas e amigos. Hoxe, venres, estamos en Ourense, mañá sábado 27, en Baiona e Cambados, o domingo en Porto do Son, o luns en Vilalba e en Reis estaremos en Vigo e Ourense, entre outras. 


26 de decembro de 2014



Hoxe, venres 26 de decembro a Caravana Solidaria de Nadal fixo un alto para achegarse ata Pazolandia, en Ourense. Os Bolechas, acompañados do seu R4, da carpa e do autobús estarán todo o día no pabillón de deportes Paco Paz con propostas para toda a familia.

Mañá, sábado 27, Os Bolechas retoman a Caravana Solidaria de Nadal, coa que estarán na rúa Carabela Pinta de Baiona de 12.00 a 14.00 h e de 16.00 a 21.00 h. Co mesmo horario estará este domingo, 28 de decembro, na explanada portuaria de Porto do Son e o luns 29 na praza da Constitución de Vilalba.

Patrocinada pola TVG e pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Caravana de Nadal inclúe o espectacular autobús de dúas plantas, onde os pequenos fans dos Bolechas poden gozar de multitude de iniciativas: xogos, sesións de cine, manualidades etc. Todas as actividades serán libres e totalmente gratuítas.

A iso súmase a carpa onde, ademais de talleres de debuxo, hai un posto de venda de produtos dos Bolechas entre os que está a Biblioteca Básica, o disco, un reloxo ou os novos libros editados este Nadal. Pero tamén hai á venda unhas pulseiras solidarias exclusivas desta Caravana, unha de cada irmán mais outra de Chispa, que se poden mercar a dous euros cada unha ou a 10 euros as sete, e cuxos beneficios van destinados á asociación Arela, que traballa con nenos, nenas e adolescentes que viven situacións de desprotección familiar ou conflito social. 

Lady Vina e Cabalgatas de Reis

Pero mañá, sábado, Os Bolechas da tele volverán a subir a un escenario con Lady Vina para representar o musical co que percorreron Galicia enteira o pasado Nadal. Nesta ocación será unha única cita no Salón de Peña do Concello de Cambados este sábado 27 de decembro ás 18.00 h. A entrada é gratuíta, só hai que recoller invitación no departamento de Cultura municipal.

E o día 5 de xaneiro, como xa fixeran o ano pasado, Os Bolechas acompañarán ás Súas Maxestades Os Reis Magos de Oriente nalgunhas das Cabalgatas reais. Nesta ocasión estarán nas de Vigo e Ourense. Igual que os propios Reis, Os Bolechas multiplicaranse para estaren ao completo nas dúas citas e saudar ás nenas e nenos galegos neste día tan especial.









Arquivos