Xa podedes mercar todos os nosos produtos na Tenda dos Bolechas

Era unha das grandes demandas dos miles de fans dos Bolechas e, tras moitos meses de traballo, xa é unha realidade. A Tenda dos Bolechas pon a disposición das cativas e cativos de todo o mundo libros, vasos, pulseiras… e mesmo cuncas personalizadas! 


03 de decembro de 2015



A Tenda dos Bolechas abre hoxe as súas portas para que ningunha nena ou neno quede sen o seu 'produto Bolechas' preferido. Edicións Bolanda, responsable dos Bolechas e da súa nova tenda, dá así resposta ás moitas demandas que había para poder conseguir libros e outros materiais dos Bolechas por parte das familias, ao tempo que dispón dun escaparate de luxo para mostrar todo o que ofrece a marca, desde o curso de inglés dos Bolechas ata vasos, cuncas, pulseiras e, por suposto, os libros.

A tenda está aloxada nesta nova web que estreamos hai unhas semanas no dominio .gal e supón un servizo máis aos que xa prestaba o novo sitio, que agora inclúe tamén este comercio online de deseño atractivo e moi sinxelo onde atopar todos os produtos dos Bolechas.

Libros, accesorios e cuncas

Ademais de toda a información sobre o proceso de compra, termos, condicións, contacto etc. A Tenda dos Bolechas distribúese en tres apartados principais: libros, accesorios e cuncas. Este último é a gran novidade dos Bolechas para este Nadal; ofrece sete cuncas, unha de cada personaxe principal, que o comprador pode personalizar elixindo tanto a cor interior da cunca como a mensaxe que quere escribir nela.

A esto súmase unha colección de vasos exclusiva da Tenda, a popular Muuulecha –a maleta correcamiños dos Bolechas–, ou a colección de pulseiras solidarias cuxos beneficios van destinados á asociación Arela, que traballa con menores que viven situacións de desprotección familiar ou conflito social.

E, por suposto, non faltan os libros, razón de ser dos Bolechas, que se dividen en varias coleccións: Biblioteca Básica –onde se poden adquirir individualmente os 18 tomos que conforman a Biblioteca, incluíndo os 6 recentemente editados–; Formato Clásico –con catro títulos editados no formato cadrado típico dos Bolechas–, e Outros Libros, onde se encadran varias guías, o libro-disco dos Bolechas ou o curso de inglés, entre outros.

Comodidade e máxima seguridade

Tanto a compra como o pago son moi fáciles e intuitivos, aínda que en todo momento hai teléfono e email para contactar en caso de dúbida. Ademais, A Tenda dos Bolechas cumpre os máis altos estándares de seguridade de compras en Internet, incluíndo máxima seguridade en servidores, protocolos de seguridade HTTPS en todos os procesos de compra e rexistro, así como os máis exhaustivos procedementos de xestión automatizada de datos e transaccións sen intervención humana co fin de evitar calquera perigo de seguridade.

Pódese pagar por transferencia bancaria, tarxeta de débito e crédito e a través da plataforma Paypal e o envío recibirase no prazo de 3 a 5 días laborables para toda a península así como as illas Canarias e Baleares, Ceuta e Melilla. Para o resto o prazo máximo é de 30 días.

Vales desconto, ofertas e promocións

A web inclúe unha área destinada a clientes onde poder ver as compras realizadas, seguir o estado do envío, facer diversos trámites e mesmo ver os vales desconto. Asemade, A Tenda dos Bolechas irá ofrecendo ofertas puntuais e promocións especiais tanto ao público en xeral como ás socias e socios do Club dos Bolechas, para agradecerlles a súa fidelidade ao longo destes anos.

E irá actualizándose e ofrecendo novos produtos cos que satisfacer aos milleiros de seguidores da popular familia creada por Pepe Carreiro no ano 2000 e que, tras converterse nun éxito editorial sen precedentes, deu o salto á Televisión de Galicia con tan bos resultados que xa se emitiu en oito comunidades autónomas e na Televisión Pública de Portugal.

A Tenda dos Bolechas é un paso máis na achega de produtos propios de calidade e en galego ás cativas e cativos, así como as familias, que fixeron desta serie o que hoxe é.  









Arquivos