Estamos na comarca do Condado ata final de mes

O concello de Ponteareas acolle arestora a mostra interactiva para xogar coa riqueza da lingua galega. A carpa dos Bolechas estará na praza da Música da vila ata o día 30 deste mes de novembro.


21 de novembro de 2018



Ata o 30 de novembro a mostra ‘Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego' permanecerá instalada na praza da música de Ponteareas para dar a coñecer a riqueza do idioma galego a través do universo Bolechas. Durante a semana, polas mañás a mostra poderá visitarse en grupos organizados a través dos centros educativos da comarca e polas tardes abre para todo tipo de público en horario de 16 a 20 horas. Sábados e domingos mantense o horario de tarde e polas mañás abre de 11 a 14 horas.

A exposición, organizada pola Deputación de Pontevedra no marco do Ano da Lingua, abriu oficialmente as súas portas coa presenza das irmás e irmáns Bolechas, Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia e Tatá, que viaxaron ata Ponteareas para darlle a benvida e saudar a un grupo de 41 alumnas e alumnos do CEIP Bouza Brei. Tamén estiveron presentes o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, o alcalde da localidade, Xosé Represas, a concelleira de Cultura, Hortensia Bautista, a de Educación, Cristina Fernández, a de Benestar Social, Verónica Carrera, e Teresa Rocamonde representando á Editorial Bolanda.

Xosé Leal animou ao alumnado a “aprender xogando e a experimentar coa lingua galega”, ao tempo que os instou “a que volvades polas tardes coas vosas familias e cos vosos amigos”. Xosé Represas asegurou que “por fin temos os Bolechas en Ponteareas” e anunciou que todo o alumnado do concello que pase pola carpa da exposición será agasallado cun libro dos Bolechas. Pola súa banda, Teresa Rocamonde aseguroulles que “despois de xogar con todo o que tedes aquí dentro, deseñado especificamente para vós, seredes os maiores expertos en lingua nas vosas casas”.

Esta exposición, que comezou a xira pola provincia o pasado mes de maio, xa estivo en Pontevedra, Lalín, Vilagarcía de Arousa, Moaña, A Estrada, A Cañiza, Caldas, e Tomiño, tras pasar por Ponteareas, rematará o seu percorrido en Vigo.

Ademais da propia mostra, a iniciativa contempla materiais de apoio como son unidades didácticas deseñadas “ad hoc” a modo de caderno de actividades, que complementan e serven de repaso de todo o visto e vivido no percorrido expositivo. Inclúe tamén un libro aventura dos Bolechas sobre as variedades dialectais do galego.









Arquivos