Os Bolechas visitan o Hospital Clínico antes do seu espectáculo en Compostela

O BrincaBolechas chega este venres, 28 de decembro, a Santiago. Pero antes do espectáculo, os Bolechas quixeron visitar aos nenos ingresados no Hospital Clínico Universitario, que os recibiron na Escola Camilo José Cela do centro sanitario.




Máis de trinta rapaces e rapazas ingresados no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela recibiron hoxe na escola do centro aos irmáns Bolechas, que non quixeron deixar de visitar a aqueles nenos que non poderán acudir esta tarde ao espectáculo que darán na cidade.

Os Bolechas, que chegaron acompañados da directora da escola, Ruth Gómez, bailaron, repartiron agasallos e contestaron ás preguntas que lles fixeron os pequenos. Carlos, Pili, Loli, Braulio e Sonia quedaron abraiados co bonita que é a escola do centro e a cantidade de cousas que se fan alí e explicáronlle aos pequenos que moi pronto haberá un libro no que Os Bolechas visitarán un hospital.

A visita ao CHUS coincide no día en que o “BrincaBolechas. Circo de Nadal” chega a Compostela na xira que está facendo por toda Galicia. Hoxe, 28 de decembro, ás 18.30 h, Os Bolechas  –aos que dan vida a compañía Xarume– estarán no Centro Cultural Novacaixagalicia da rúa Preguntoiro acompañados dos seus amigos de Pistacatro cos que interpretan diversos números cómicos, de maxia e malabares destinados a un público familiar e coa música como protagonista.

Ademais, o espectáculo inclúe diversos stands para gozar do “universo Bolechas”, desde libros, mochilas, vasos ou a Muuulecha, ata un orixinal e divertido photocall virtual para facerse fotos cos personaxes ou un xogo para coñecer a familia Bolechas a través de diversas ventás.

Tras o seu paso por Compostela, o BrincaBolechas chegará mañá, sábado 29 de decembro, a Pontevedra, ao Centro Cultural Novacaixagalicia. O día 2 de xaneiro estará no Auditorio municipal de Ourense, o xoves 3 no Auditorio municipal de Lalín e o venres 4 no Teatro Jofre de Ferrol. E rematará a xira o luns, 7 de xaneiro, no Auditorio municipal de Vilagarcía. Todos os espectáculos darán comezo ás 18.30 horas.

As entradas, que custan 5 euros para nenos e 7 para adultos, poden poden adquirirse no teléfono 902 504 500 ou a través de internet, na páxina web www.servinova.com.

 









Arquivos