O autobús dos Bolechas provoca unha gran foliada en Lobios

Era unha das primeiras saídas do impresionante autobús dos Bolechas, un vehículo clásico de dúas plantas totalmente renovado para cubrir todas as expectativas dos máis pequenos, tanto no seu aspecto exterior como no acondicionamento interior.  


07 de febreiro de 2014



O novo autobús dos Bolechas causou unha auténtica revolución á súa chegada a Lobios (Ourense), a onde se desprazou todo o equipo dos Bolechas para facerlle entrega ao colexio do Xurés do premio gañado no concurso Debuxa o teu cole.

Os nenos do centro puideron subir ao espectacular autobús de dúas plantas, de estilo tipicamente londinense, e gozar das múltiples actividades que ofrece. No primeiro andar hai unha ludoteca con todo tipo de xogos e actividades para divertirse e aprender, ao máis puro estilo “Bolechas”, desde un “Quen é quen” con todos os personaxes das historias ou un peculiar “xogo da oca” ata todo tipo de material para manualidades, libros e ordenadores. Nos computadores os pequenos poden gozar tamén de múltiples actividades, como colorear, adiviñar o nome dos animais dunha granxa ou cantar cos Bolechas os seus superexitos.

No segundo andar o autobús conta cunha sala de cine dotada con todo o necesario para ver Os Bolechas en acción que serve tamén para presentacións e reunións de traballo. Neste espazo hai un encerado onde as nenas e nenos poden pintar e demostrar as súas habilidades artísticas. 

Aínda que o primeiro que chama a atención do autobús é o seu exterior, tanto polas dimensións do vehículo como pola espectacular decoración. Nun lado pódese ver Os Bolechas ataviados a xeito de banda galega e no outro con traxes típicos dos cinco continentes, posto que a familia galega está a chegar a todo o planeta a través dos seus milleiros de seguidores, que están a convertelos en personaxes universais, como universais son as súas historias e vivencias.

O novo autobús percorrerá a partir de agora toda a xeografía galega para levar diversión e coñecemento a todos os nenos e nenas que seguen con devoción Os Bolechas. 









Arquivos