Cuarto ano dos Bochechas na Televisión Pública de Portugal (RTP)

En xaneiro de 2015, tres anos despois de comezar a súa andaina na Televisión de Galicia (TVG), Os Bolechas iniciaban unha nova etapa ao dar o salto ao país veciño. A Televisión Pública de Portugal (RTP) comezaba a súa emisión cunha primeira temporada que se emitiu dentro do seu programa estrela da franxa infantil, o Zigzag.


22 de febreiro de 2018



O éxito foi tal que a canle pública estatal renovou en varias ocasións, de xeito que os Bochechas –como son coñecidos os populares personaxes de Pepe Carreiro en Portugal–, levan emitíndose desde entón de forma ininterrompida na RTP, empresa pública de radio e televisión que xestiona actualmente varias emisoras de radio e dúas canles de televisión que emiten para todo o territorio portugués, ademais doutras cadeas a nivel nacional e internacional, como a RTP África. 

Amais da emisión en televisión, a canle pública portuguesa levou a cabo diversos concursos e promocións arredor da serie, deixando patente o seu compromiso cos Bochechas. 

Capítulos dispoñibles na app

Un compromiso que volveron reafirmar ao incluír Os Bochechas na súa plataforma infantil, de forma que todos os capítulos están dispoñibles para seren vistos a través da súa web e mesmo da app Zig Zag Play, de forma que a cativada pode acceder a eles cando e onde queira a través de múltiples dispositivos.

O mesmo acontece cos capítulos emitidos en Galicia, que están xa dispoñibles na app de Xabarín da Televisión de Galicia. “Xabarín TVG” permite ver os debuxos animados 100 % en galego en streaming mediante conexión wifi ou 3G.

Deste xeito a serie de televisión dos Bolechas continúa o percorrido iniciado no ano 2012 cando os populares personaxes pasaron dos contos á pantalla con tal éxito que a día de hoxe son xa un referente infantil para a cativada galega tanto no seu tempo de ocio coma no ámbito máis didáctico e formativo, caso dos vídeos “lavar os dentes” e “imos á cama” ou do curso de inglés-galego One2Three que dan continuidade ao labor literario dos Bolechas como referentes de ocio e aprendizaxe nas primeiras idades desde unha perspectiva local e cercana aos referentes culturais da súa audiencia.









Arquivos