Os Bolechas coñecen ExpoOrdes

Os Bolechas van a ExpoOrdes é o último título da colección Guías, coa que o Concello de Ordes quere dar a coñecer esta feira –e o municipio en xeral– ás nenas e nenos. Unha visita dos irmáns á fermosa vila coincidindo coa feira será o inicio da nova aventura dos Bolechas en Ordes. 


20 de abril de 2016



Os Bolechas van a ExpoOrdes, unha feira que se celebra todos os anos por primavera neste municipio da provincia da Coruña. Na feira hai moito que ver: maquinaria agrícola, mobles, produtos de alimentación, artesanía… Pedro, un amigo ordense dos Bolechas, vai aproveitar a visita dos irmáns para ensinarlles o seu concello. Mais Pedro é un neno moi ocupado… participa en moitas das asociacións e actividades que se desenvolven no municipio e apenas ten tempo para atender os Bolechas.

Esta é a trama da nova guía dos Bolechas coa que a Concellería de Educación de Ordes quere dar a coñecer o patrimonio natural, cultural e gastronómico do concello. E para iso válese dunha cita tan consolidada como ExpoOrdes.  

ExpoOrdes 2016

A nova edición da feira multisectorial e de maquinaria agrícola inaugúrase este venres e desenvolverase ata o domingo, día en que terá lugar a XXVII Degustación do Champiñón, no que se repartirán arredor de 2000 quilos deste tipo de cogomelo.

A Feira contará este ano con máis de 160 postos dedicados a diversas actividades en máis de 3000 metros cadrados de exposición situados no céntrico Campo da Feira. Como novidade este ano, o Concello de Ordes organiza no pavillón Campomaior o I Salón Moda & Eventos e tamén haberá unha exposición fotográfica centrada nas parroquias de Ordes, que sintetiza o traballo etnográfico realizado polo investigador danés Gustav Henningsen nos anos 1965 e 1968.

Nesta mesma fin de semana a Alameda de Ordes acollerá unha da citas artesanais máis destacables da provincia. Máis de 30 creadores e artesáns teñen confirmada a súa asistencia para dar a coñecer e poñer á venda pezas de coiro, bixutería, xoiería, abelorios e elementos feitos con madeira, produtos de alimentación, etc.









Arquivos