Este domingo estreamos "Os Bolechas one2three” na TVG

A Televisión de Galicia estrea este domingo, 29 de xuño, ás 9.15 h, a nova serie dos Bolechas, un curso de inglés do máis divertido que se poderá ver todos os domingos a esa hora na primera canle da televisión pública galega.


25 de xuño de 2014



Os Bolechas one2three é moito máis que unha divertida serie que ten como protagonistas aos irmáns máis queridos polas nenas e nenos galegos: é un curso de inglés dirixido aos máis cativos da casa para que teñan o seu primeiro achegamento a este idioma e poidan ir familiarizándose con el dun xeito natural e divertido.

Para iso Os Bolechas son a mellor vía, posto que xa contan con milleiros de seguidores, moitos dos cales se achegan á lingua galega por primeira vez a través deles, xa sexa a través dos contos ou da serie que desde hai máis de dous anos se emite na canle pública autonómica.

Agora Os Bolechas dan o santo ao inglés e con eles poderán facelo todas as galegas e galegos, que poderán seguir as novas aventuras dos irmáns creados por Pepe Carreiro  a partir deste domingo 29 de xuño no primeiro canal da TVG.  Os Bolechas one2three emitirase todos os domingos ás 9.15 horas –e terá reposicións despois na segunda canle da televisión galega–.   

Nesta primeira tempada emitiranse 13 capítulos, cada un deles centrado nunha temática –The family, The colours, Breakfast, Clothes etc.–. O esquema de cada episodio será o mesmo: unha breve introdución e, tras a cabeceira, a clase de inglés dos Bolechas onde transcorre o capítulo. A continuación darase paso á sección “Sing with me”, que consiste nunha canción-karaoke sobre interpretada polos Bolechas e o seu profesor de inglés e finalmente “ABC”, unha especie de concurso-desafío no que os alumnos porán a proba o aprendido.

Os Bolechas one2three é un curso de inglés elaborado por un equipo multidisciplinar de filólogos, lingüistas e pedagogos e avalado pola Universidade de Santiago de Compostela pero é ante todo, unha nova proposta dos Bolechas coa diversión e o bo humor que caracteriza a esta serie e co obxectivo final de que os máis novos da casa pasen un bo momento cos seus personaxes preferidos.









Arquivos