Estreamos nova web!

O incremento de socios e seguidores da familia Bolechas, así como a gran cantidade de materiais creados nos últimos tempos, fixo necesario un cambio do noso web para dar cabida aos novos contidos e servizos. Queredes coñecelos?  


20 de outubro de 2015



Tras varios meses de intenso traballo, Os Bolechas presentan a súa nova páxina web, www.osbolechas.gal, un espazo completamente renovado que, ademais estrea o dominio .gal. A nova páxina reúne todo o material esparexido ata o momento en diversos sitios web e incorpora novos servizos e contidos dirixidos tanto aos seguidores da popular familia como a aqueles que se achegan por vez primeira aos Bolechas.

Así, a nova páxina web inclúe un apartado con información sobre os PERSONAXES E O AUTOR, Pepe Carreiro, pero tamén sobre o UNIVERSO BOLECHAS: a serie de televisión, a caravana, concursos, xoias, música, talleres etc. Tampouco falta unha sección de NOTICIAS, onde se poden consultar todas as publicadas desde o ano 2012 así como as novas que se van incorporar nesta nova andaina dixital. E, por suposto, hai zona de XOGOS, con actividades para toda a familia con distintas habilidades e niveis de dificultade. Non falta a popular granxa dos Bolechas nin os debuxos para colorear, e inclúense diversos “Sabichóns”, sopas de letras, crebacabezas etc.

Zona de socios e área didáctica

Por suposto, unha das seccións principais da nova web segue a ser a zona de SOCIOS, onde os novos seguidores poden darse de alta para formaren parte do Club dos Bolechas e os que xa son socios gozarán de novas vantaxes e servizos específicos.

Tamén cobra especial protagonismo a ÁREA DIDÁCTICA, ata agora presente nalgunhas páxinas temáticas dos Bolechas e que nesta nova web conta cun espazo propio debido á grande acollida das propostas presentadas ata o momento, como as unidades didácticas de hábitos saudables, de seguridade viaria ou do Entroido. Trátase de material educativo elaborado conxuntamente por pedagogos e profesionais de cada temática e destinado a escolares de educación infantil e primaria. Esta sección, coma o resto, irá ampliándose co tempo con novos contidos e materiais, de xeito que sexa un espazo vivo e activo onde nais, pais e educadores poidan acudir frecuentemente para xogar e aprender cos cativos da man dos seus personaxes favoritos.

A estas seccións únese a de DESCARGAS, onde se pode acceder a diverso material ofrecido polos Bolechas nos últimos anos con motivo de diversas celebracións: día da nai, día do pai, samaín etc. 

Libros, televisión e webs

Outras grandes novidades da web son a área de LIBROS –onde se poden consultar as novidades editoriais ou acceder ao “libro fala”– e a CANLE TV. Este espazo responde ás peticións dos seguidores dos Bolechas por ter os capítulos da serie de televisión dispoñibles en rede. A partir de agora, todas as nenas e nenos poderán ver Os Bolechas cando e onde queiran, ademais de acceder a outros contidos audiovisuais, como espectáculos, anuncios, vídeos musicais etc.  

E finalmente o novo site dos Bolechas recompila todas as WEBS da familia existentes ata o momento: A máquina do tempo, A clave secreta, One2Three, Xoias, Saúde, Os Bolechas van ao CAAN, Os Bolechas fan o Camiño, a Biblioteca Básica Bolechas… Cada unha delas cos seus contidos específicos tanto informativos e educativos como lúdicos e mesmo participativos, como é o caso das webs adicadas a concursos e sorteos.

O acceso ás redes sociais dos Bolechas (Facebook, Twitter e Youtube) onde milleiros de fans seguen diariamente a actividade da popular familia, completa esta nova páxina web adaptada aos tempos e ás necesidades daqueles que fixeron dos Bolechas o que hoxe son: un referente cultural na crianza de varias xeracións de galegos. 









Arquivos