Presentamos a nova campaña infantil para dar a coñecer Ourense

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar Blanco, presentou este domingo, 29 de marzo, unha nova iniciativa infantil destinada a que os máis novos coñezan a riqueza natural, patrimonial e cultural que ofrece a provincia ourensá.


27 de marzo de 2015



A Deputación elixiu Os Bolechas, personaxes coñecidos e seguidos polas nenas e nenos ourensáns e capaces de transmitirlles as marabillas que alberga a súa provincia dun xeito entretido e interesante. A iniciativa consiste na edición dun conto Os Bolechas van a Ourense, que se complementa cunha xira que levará aos populares irmáns creados por Pepe Carreiro por toda a provincia no seu espectacular autobús de dous pisos.

Precisamente o autobús, e os propios Bolechas, participaron este domingo na presentación da iniciativa, que tivo lugar no mosteiro de San Pedro de Rocas, onde o alcalde de Esgos lles deu a benvida e animounos a coñecer todos os atractivos que ofrece a zona. Ademais do rexedor, interviron no acto de presentación Tomás Valín, responsable da empresa editora dos Bolechas, e o presidente da Deputación de Ourense, quen explicou en que consiste a iniciativa que ampara a institución provincial.

Novo conto dos Bolechas  

O conto Os Bolechas van a Ourense narra as aventuras dos irmáns no aniversario da súa curmá, Ying, que celebran en Manzaneda. Cando están todos na mesa para soprar as candeas, Ying recorda que ten moitas amigas e amigos ourensáns e quere que estén na súa festa, así que marcha a buscalos nun microbús co que percorre toda a provincia recollendo os amigos, que a agasallan con produtos típicos das súas zonas. A festa de aniversario de Ying vai ser suculenta. 

A edición do libro complétase cunha xira que levará Os Bolechas corpóreos e o seu autobús de dous pisos por toda a provincia ourensá para que as nenas e nenos poidan gozar de todo o Universo Bolechas, como fixeron este domingo un centenar de cativos que asistiron á presentación.

Xira por toda a provincia con premios

A xira iniciarase o sábado, 11 de abril, no Barco de Valdeorras e continuará o domingo 12 en Trives, o luns 13 en Verín, o martes 14 en Xinzo de Limia, o mércores 15 en Bande, o xoves 16 en Celanova, o venres 17 en Ourense e o sábado 18 no Carballiño, para rematar o domingo 19 de abril en Ribadavia. 

En todas as comarcas, as nenas e nenos que se acheguen á caravana Bolechas levarán gratis o conto Os Bolechas van a Ourense e poderán gozar de multitude de propostas totalmente gratuítas, desde obradoiros de debuxo ata ludoteca con xogos para divertirse e aprender cos Bolechas, así como material para manualidades, libros e ordenadores onde acceder a xogos e actividades. Tamén estará dispoñible o karaoke e a sala de cine do autobús, dotada con todo o necesario para ver Os Bolechas.

Ademais do conto e das actividades, todos os que se acheguen ao autobús en calquera das vilas entrarán no sorteo de libros e material dos Bolechas. E por suposto, poderán saudar os seus personaxes favoritos que estarán en todas as paradas da caravana. Os seis irmáns, xunto con Chispa no seu novo camión de bombeiros, percorrerán toda a provincia ourensá contándolles aos máis cativos o moito que gozan das marabillas que esta ofrece esta fermosísima terra.









Arquivos