Os Bolechas presentan “Un conto de Nadal”

Como vén sendo habitual Os Bolechas estarán coa cativada galega este Nadal grazas ao novo espectáculo “Un conto de Nadal” que levará a maxia destas datas a oito localidades da Rede de Dinamización Lingüística entre o 22 de decembro e o 7 de xaneiro. 


12 de decembro de 2017



“Un conto de Nadal” é unha peza teatral con actores e os muppets da Televisión de Galicia. A historia xira en torno a unha broma que lle fan Kofi e Sarela aos Bolechas sobre a desaparición dun camelo que porá en perigo a noite de Reis, a máis máxica do ano para a cativada. Braulio decide crear unha máquina que recupere o camelo pero algo sae mal e os que van aparecendo son Papá Noel, o Apalpador e moitos outros personaxes ligados ás festas do Nadal que farán as delicias do público. 

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, definiu a proposta dos Bolechas como “unha cita consolidada nos concellos da Rede de Dinamización Lingüística a proposta de Nadal dos Bolechas, referentes galegofalantes da xente miúda que queren animar sempre a celebrar as festas e gozar deste tempo tan familiar na lingua propia de Galicia”. Na presentación, que acolleu o compostelán Pazo de San Roque, acompañárono o responsable de Bolanda Edicións, Antonio Couto; Rosa Vilas da Televisión de Galicia e o director de Comunicación de Gadisa, José Luis Fernández Astray.

Axenda completa da xira

A xira “Un conto de Nadal” dos Bolechas comezará no Auditorio Municipal Carmen Estévez de Vilalba o día 22 de decembro, ás 18:00 h; seguirá o día 23 na Casa da Cultura de Xinzo de Limia ás 17:00 h e o sábado 30 no Centro Cultural Xaime Illa de Poio ás 19:00 h. O 2 de xaneiro os Bolechas chegarán á Casa da Cultura de Bertamiráns (Ames), ás 17:00 h; o día 3 estarán na Casa da Cultura de Muros ás 18:00 h, o 4 no Teatro Pastor Díaz de Viveiro ás 19:00 h, o 6 de xaneiro no Auditorio Municipal do Carballiño ás 18:30 h e o domingo 7 de xaneiro rematarán a xira na Casa da Cultura de Sarria ás 17:30 h.

Toda a información e o calendario poderán seguirse neste web e, a partir de mañá, tamén no Portal da Lingua Galega en www.lingua.gal/nadal-en-rede, ademais de nas redes sociais e na Axenda de Cultura de Galicia.









Arquivos