Últimas citas de "Os Bolechas van ás Olimpíadas"

Só quedan catro citas da iniciativa de dinamización lingüística desenvolvida polos Bolechas para o programa FalaRedes 2016. As últimas visitas serán esta fin de semana a Monterroso e Outes,  a próxima a Tui e o día 23 a Melide 


07 de xullo de 2016



Este sábado e o domingo, 9 e 10 de xullo, os irmáns máis queridos das nenas e nenos galegos visitarán os concellos de Monterroso e Outes con Os Bolechas van ás Olimpíadas, a iniciativa de dinamización lingüística desenvolvida pola Consellería de Cultura e Educación a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

A menos dun mes do inicio das Olimpíadas 2016, Os Bolechas seguen a espallar o espírito olímpico pola xeografía galega. Xa o fixeron en 27 concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística (RDL), e coas catro últimas citas, porán fin á xira que os terá levado a 31 municipios de toda Galicia.

A primeira destas últimas citas será sábado, 9 de xullo, no municipio lugués de Monterroso, no que Carlos, Sonia, Braulio, Pili, Loli, Tatá e o seu inseparable Chispa se darán cita coa cativada no salón de actos do Espazo Cultural ás 19:00 h. Xa o domingo, a función poderá gozarse na Casa da Cultura de Outes ás 20:00 h.

Derradeiras citas

As últimas citas cos Bolechas serán o venres 15 de xullo na Biblioteca Municipal de Tui ás 18:00 h e o día 23 na Casa da Cultura de Melide ás 12:00 h. Esta iniciativa está pensada para gozar en familia a partir dun tema de plena actualidade, xa que en breve, a comezos de agosto, inícianse no Brasil os Xogos Olímpicos 2016. Neste contexto, os seis irmáns creados por Pepe Carreiro requirirán a axuda dos rapaces e rapazas asistentes para superaren unha serie de probas e, deste xeito, venceren o seu antagonista Romualdo. Se, co apoio do público, o conseguen, terán garantido o seu pase para as Olimpíadas de Río 2016.

A participación non se limita ao día do espectáculo, pois Os Bolechas van ás Olimpíadas ten continuidade a través das TIC, no web www.osbolechas.gal/olimpiadas onde os cativos poden afondar no coñecemento das Olimpíadas, gozar de actividades e xogos e mesmo participar no sorteo de varios lotes de libros cada mes. 









Arquivos