Os pictogramas do novo libro dos Bolechas facilitan a lectura e estimulan a imaxinación

Os pictogramas de fácil lectura que aparecen ao final de cada páxina permiten seguir a historia a nenos con dificultades de lectura e comprensión. 




O novo libro dos Bolechas, O reloxo de Carlos, que sairá á venda a próxima semana,  inclúe entre as súas novidades a incorporación de pictogramas, imaxes que substitúen palabras ou ideas e que permiten ler o conto estimulando a atención e a imaxinación dos nenos.

Trátase dun recurso educativo infantil moi recomendable e divertido xa que resume a información que se recibe, mellora a atención e a motivación, apoia certas destrezas de expresión oral e escrita e axuda á comprensión lectora e a construír conceptos.

Neste caso trátase de pictogramas de fácil lectura, que aparecen ao final de cada páxina transmitindo a idea que nela se conta a través dunha composición moi simple de imaxes. Cada unha delas vai nun recadro de cor amarelo, verde ou azul, segundo a función gramatical do texto que se transmite. Así, o amarelo úsase para os nomes, o verde para os verbos e o azul para adxectivos e adverbios.

Indicado para nenos con dificultades

Este recurso está especialmente indicado para nenos con dificultades de comprensión ou de acceso á lectura, de aí a motivación para incluílo nos libros dos Bolechas, de xeito que as historias creadas por Pepe Carreiro cheguen eficazmente ao maior número de nenos e nenas posible.

A linguaxe de fácil lectura, que vai sinalizada nos libros cun logotipo propio, foi supervisada por Mª Cruz da Silva Rubio, da Asociación por Dereito. 

A incorporación dos pictogramas únese a outras novidades desta nova edición dos Bolechas, como o novo formato, de gran tamaño, e o agasallo dun reloxo e dun Xogo das horas que farán as delicias dos máis pequenos.









Arquivos