Turismo de Galicia presenta a nova aventura dos Bolechas no Camiño de Santiago

Os Bolechas veñen de rematar o Camiño de Santiago. Onte mesmo chegaron á catedral e hoxe estiveron no Hostal dos Reis Católicos con centos de nenos e nenas cos que compartiron esta nova aventura, que chega en forma de libro e páxina web.




A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou a nova aventura dos Bolechas que chega a través de múltiples canles para dar a coñecer aos máis pequenos un dos recursos turísticos e culturais máis importantes da nosa comunidade: o Camiño de Santiago. 

A familia Bolechas e o seu can, Chispa, aproveitaron este verán para facer a Ruta xacobea, e elixiron a máis tradicional, o Camiño Francés no seu tramo galego. Partiron desde O Cebreiro para facer máis de 180 quilómetros seguindo os pasos dos peregrinos que percorren esta ruta desde o século IX. Como é habitual, a súa aventura no Camiño de Santiago queda reflectida nun novo libro, O Camiño Francés, que se inclúe na colección “Guías do Camiño”.

Pero ademais da publicación, Os Bolechas puxeron en marcha unha nova web (www.osbolechas.gal/peregrinos), con acceso tamén desde esta páxina dos Bolechas e centrada no Camiño de Santiago. A través de diversos xogos e actividades, dan a coñecer o Camiño de forma amena pero moi didáctica e co atractivo engadido de ver Os Bolechas coa estética propia dos peregrinos.

Seccións da nova web

Cunha estrutura moi sinxela, a nova páxina divídese en dúas seccións principais: xogos e descargas. A parte adicada aos xogos inclúe cinco actividades: Colorear, Quebracabezas, Cazabolechas, O Sabichón e Diploma. Esta última é unha orixinal proposta para elaborar un diploma de peregrino personalizado coa foto e o nome de cada un que se pode imprimir.

Tamén os debuxos se poden imprimir para colorear a man ou facelo despois de darlles cor no propio ordenador. Os quebracabezas consisten, como o seu nome indica, en ordenar as imaxes propostas arrastrando as pezas para colocalas na posición correcta. O Cazabolechas dá un minuto para ir “cazando” os Bolechas que están escondidos nun tramo do Camiño e fai un ranking segundo o tempo empregado. E, finalmente, O Sabichón é un xogo de preguntas e respostas para demostrar os coñecementos sobre o Camiño de Santiago.

A sección de descargas inclúe "Os Bolechas peregrinos" –fichas coleccionables dos seis irmáns Bolechas e do seu can vestidos como peregrinos–; "Coñece o Camiño" –fichas con información e fotos de dez localidades do Camiño Francés para coñecer algo máis delas– e "Recortables", onde se poden descargar e imprimir uns modelos de cada un dos personaxes para recortalos e montalos, de xeito que calquera poderá ter na casa a todos os Bolechas en tres dimensións. Trátase da moderna técnica dos paper toys o paper crafts, xoguetes  para descargar, imprimir e montar.

Finalmente, a páxina inclúe links ás redes sociais para ir directamente ás visitadas redes dos Bolechas, Facebook, Twitter e Youtube, onde se pode seguir diariamente toda a actualidade e as novidades dos populares personaxes infantís galegos.

Éxito dos Bolechas

O éxito acadado polos Bolechas na súa andaina editorial –con máis dun millón de exemplares distribuídos nos seus máis de 12 anos de existencia–, trasladouse á nova etapa desta familia na televisión e en internet. A serie infantil creada para a Televisión de Galicia vai xa pola súa segunda tempada e esta web rexistra diariamente varios centos de visitas, moitas delas dos socios do Club dos Bolechas, fans realmente activos e implicados neste proxecto.









Arquivos