Pepe Carreiro presenta novo libro en Lousame

Pepe Carreiro estivo onte no concello de Lousame para presentar, xunto á alcaldesa, a última aventura dos Bolechas, que transcorre precisamente neste municipio. 


24 de outubro de 2014



A casa da cultura Santeiros de Chave acolleu onte, xoves 23 de outubro, ás 19.00 h a presentación do novo libro Os Bolechas van a Lousame. Moitas nenas e nenos do municipio se deron cita no salón de actos para coñecer ao creador dos seus personaxes favoritos, Pepe Carreiro, quen lles mostrou como toman forma estes irmáns a partir dunha folla e un rotulador.

Os pequenos levaron ademais asinado o conto que o Concello lles regalou para que poidan coñecer todo o que ofrece o munipio no que viven, xa que este é o fin desta colección de guías dos Bolechas, divulgar as xoias da xeografía, a cultura e a historia da nosa contorna.

Neste caso, Os Bolechas foron a Lousame onda o seu amigo Martiño, quen lles mostra as minas de San Finx onde traballara o seu avó. Braulio, asombrado pola historia do lugar, tratará de atopar unha mina de brillantes cun péndulo e así os seis irmáns mais o seu can visitan algunhas das paraxes máis emblemáticas do municipio, como a capela do San Roquiño, a fábrica de papel, as mámoas de Casamea, as fervenzas de San Xusto, o petróglifo de Lesende ou o mirador da Muralla, entre outros moitos.









Arquivos