Os Bolechas viven o Entroido cos escolares galegos

Presentamos unha nova web adicada ao Entroido na que, ademais de moito material para a cativada, o profesorado poderá contarnos como está a traballar estas festas na súa clase e participar nun sorteo diario con numerosos premios. 


05 de febreiro de 2018



Como vén sendo habitual nos últimos anos, Os Bolechas veñen de pór en marcha unha nova iniciativa relacionada co Entroido, unha das datas máis divertidas e con maior tradición na nosa comunidade. Trátase dunha páxina web, osbolechas.gal/Entroidona que se inclúe diverso material para divertirse aprendendo todo sobre o Entroido.

Dirixido á cativada de educación infantil e primaria, o novo espazo web inclúe unha Unidade Didáctica sobre o carnaval galego: as súas diferentes manifestacións, máscaras, tradicións… Ademais está accesible na propia web ou pode descargarse en formato pdf no apartado Descargas e traballalo na aula ou na casa durante estas pequenas vacacións de Entroido, ao igual que o Caderno de Actividades, onde nenas e nenos poderán poñer a proba os seus coñecementos mediante divertidos xogos e actividades. 

Ademais da Unidade Didáctica e o Caderno de Actividades, no apartado “Descargas” inclúense recortables relacionados co carnaval para que cada nena ou neno personalice o seu disfrace ao tempo que promove a súa creatividade e o traballo manual. E mesmo pode atopar fichas con receitas de pratos típicos do Entroido galego para coñecer todos os aspectos relacionados con estas festas.

Outro dos apartados da nova web dos Bolechas é BraulioTuber, onde se pode acceder aos vídeos realizados por Braulio en diferentes colexios galegos explicando como viven estas festas, as tradicións de cada zona etc.

Concurso escolar con moitos premios

E para seguir coñecendo o Entroido galego, este ano os Bolechas propoñen unha iniciativa dirixida aos centros escolares. Cada mestra ou mestre debe contar brevemente o que fixo este ano na súa clase en relación ao Entroido. Tan só hai que ir ao apartado Participa do web e contar o traballo realizado na aula (proxectos, murais, traballos en grupo, actuacións, talleres, temática elixida para o disfrace etc.) explicando brevemente o obxectivo e a execución do traballo e achegar unha foto representativa do proxecto.

Entre todos os proxectos que se presenten cada día farase un sorteo do que sairán dous proxectos que se publicarán na web e recibirán unha chea de premios, tanto para a clase como para cada alumna e alumno.

Entrade xa en osbolechas.gal/Entroido e… 

FELIZ ENTROIDO! ! ! !









Arquivos