Os Bolechas explican a importancia do microchip para identificar os cans

Unha nova guía dos Bolechas, Sultán non ten microchip, e un web específico servirán para explicarlle aos máis novos como e por qué debemos identificar o noso can co microchip, que ademais é obrigatorio desde o 2002. A campaña preséntase este mércores, 17 de xuño, en Maceda. 


16 de xuño de 2015



O colexio de educación infantil e primaria de Maceda, Ourense, acolle este mércores a presentación do novo proxecto dos Bolechas, destinado a dar a coñecer a importancia da identificación canina mediante microchip. A nova campaña da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas inclúe un novo conto, Sultán non ten microchip, e un web específico, www.osbolechas.gal/sultan, no que as nenas e nenos poderán coñecer máis sobre este tema.

O web inclúe diversos xogos –quebracabezas e sopas de letras con diferentes graos de dificultade, xogos de preguntas e respostas etc.–, así como outras actividades que teñen aos Bolechas como protagonistas: a posibilidades de facer un diploma personalizado, descarga de pósters, etc. Pero tamén se pode ler online ou descargar o conto e acceder a unha unidade didáctica de grande axuda para que pais/nais e educadores poidan traballar esta cuesión cos máis pequenos.

Trátase de que achegar a toda a sociedade, a través dos máis novos, a necesidade de identificar os cans co microchip e como ha de facerse para garantir a máxima seguridade e protección para os nosos animais.

No acto de presentación en Maceda estarán Os Bolechas, que irán acompañados do seu autobús de dous pisos cheo de actividades e diversión.









Arquivos