Imos ao Museo de Pontevedra a coñecer a Castelao!

Enmarcado no programa de actos do Ano Castelao, Os Bolechas estarán este sábado no Museo de Pontevedra para presentar a súa nova guía: Os Bolechas coñecen a Castelao no Museo de Pontevedra. Ademais da presentación, haberá xogos e talleres. 


16 de xuño de 2016



O Museo de Pontevedra está a conmemorar o Ano Castelao con diversas exposicións e actividades destinadas a lembrar e homenaxear a este gran galeguista. Os Bolechas, que coñeceron todo sobre Castelao grazas a unha visita que fixeron co avó Emiliano ao Museo, volven este sábado, 18 de xuño, para presentar o libro conmemorativo e participar nas actividades programadas, entre eles varios talleres e xogos tradicionais.

A presentación, que será ás 12:00 h no salón de actos do Museo, asistirán un centenar de escolares, que serán recibidos polo deputado de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal, e polos directivos do Museo, ademais dos Bolechas! Todos recibirán cadanseu libro e despois os Bolechas percorrerán as instalacións do museo xunto coas nenas e nenos para rematar na gran festa preparada nunha carpa anexa onde poderán gozar de xogos e diversos talleres.

A guía sobre Castelao

Os Bolechas coñecen a Castelao no Museo de Pontevedra é, coma sempre, un conto dos Bolechas, pero é tamén unha guía didáctica para que os máis pequenos se acheguen á figura de Castelao de forma divertida pero moi completa. A historia comeza cando os Bolechas, que están a pasear por Pontevedra co avó Emiliano, ven unha estatua de Castelao e preguntan quen é.

O avó lévaos ao Museo para que coñezan toda a historia deste persoeiro desde o seu nacemento en Rianxo “hai máis de cen anos”. Como tivo que emigrar dúas veces, primeiro por motivos económicos e despois políticos e como logrou crear algunhas das obras máis importantes da literatura galega, como o Sempre en Galiza, onde defende “a lingua galega e unha Galicia próspera”.

Unha vida emocionante que deixou unha fonda pegada no que hoxe é Galicia e que as nenas e nenos poderán coñecer agora a fondo grazas a esta nova guía dos Bolechas. 









Arquivos