A primeira parada do espectáculo teatral terá lugar no concello de Vedra, o próximo 7 de novembro ás 18.00h, no Local Multiusos.
As actuacións da xira estenderanse por 21 municipios de toda Galicia co fin de fomentar o interese pola música e promocionar o uso do idioma galego.
28 de outubro de 2025
Bombo, pratos, clarinete, saxofón, frauta... Estes son só algúns dos instrumentos musicais que ten preparados Pili para converterse na fantástica "muller orquestra" da nova xira dos Bolechas. O espectáculo teatral arranca o vindeiro 7 de novembro no concello de Vedra e estenderase ata decembro por un total de 21 municipios de toda Galicia.
Neste teatro de monicreques, Pili Bolechas decide converterse nunha "muller orquestra" e construír un escenario musical cos seus instrumentos para ofrecer un gran concerto, a pesar de que ningún de seus irmáns parece estar moi convencido. A medida que as melodías do tambor, a guitarra, o piano ou a frauta soan, as nenas e os nenos aprenderán os diferentes estilos musicais e participarán coa familia nas súas propias cancións. O obxectivo deste espectáculo é experimentar cos instrumentos e crear novos ritmos entre a cativada, ao mesmo tempo que fomentan o uso do idioma galego.
Esta iniciativa enmárcase dentro do FalaRedes, un programa de dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia que pretende promocionar o uso do idioma galego e ampliar a oferta de ocio no noso idioma. O espectáculo teatral está orientada a un público cativo de entre 4 a 9 anos e tamén ás súas familias co fin de motivar o coñecemento do galego, ao mesmo tempo que se reforza a música como un elemento de conexión entre as persoas.
Calendario da xira
Cun total de 21 actuacións, o teatro dos Bolechas chegará a diferentes puntos da xeografía galega. A primeira parada da xira será o 7 de novembro no municipio de Vedra, seguido de Fornelos de Montes, Catoira, Sandiás, Riós, Abadín, Palas de Rei, Vilalba, Viveiro, Vilar de Santos, Valga, Miño, Cariño, Valdoviño, A Teixeira, Fisterra, Forcarei, A Coruña, Val do Dubra, Begonte e, o último espectáculo o 19 de decembro, en Ramirás.
VEDRA. Venres, 7 de novembro. 18 horas. Centro Sociocultural.
FORNELOS DE MONTES. Sábado, 8 de novembro. 18 horas. Multiusos.
CATOIRA. Domingo, 9 de novembro. 18 horas. Auditorio Municipal.
SANDIÁS. Venres, 14 de novembro. 11.45 horas. Casa da Cultura.
RIÓS. Venres, 14 de novembro. 18 horas. Salón de actos do CEIP Plurilingüe das Vendas da Barreira.
ABADÍN. Sábado, 15 de novembro. 12.30 horas. Salón de actos da Casa do Concello.
PALAS DE REI. Sábado, 15 de novembro. 18 horas. Casa da Cultura
VILALBA. Domingo, 16 de novembro. 13 horas. Auditorio Municipal Carmen Estévez.
VIVEIRO. Domingo, 16 de novembro. 18 horas. Teatro Pastor Díaz.
VILAR DE SANTOS. Sábado, 22 de novembro. 18 horas. Salón Multiusos.
VALGA. Venres, 28 de novembro. 19 horas. Auditorio Municipal.
MIÑO. Sábado, 29 de novembro. 12 horas. Centro Social da Rúa.
CARIÑO. Sábado, 29 de novembro. 18 horas. Casa da Cultura.
VALDOVIÑO. Domingo, 30 de novembro. 12.30 horas. Local da Asociación de Veciños de Meirás.
A TEIXEIRA. Venres, 5 de decembro. 18 horas. A Teixeira núcleo.
FISTERRA. Sábado, 6 de decembro. 17 horas. Mercado Cultural.
FORCAREI. Domingo, 7 de decembro. 17.30 horas. Salón de actos da Casa do Concello.
A CORUÑA. Martes, 9 de decembro. 17 horas. Auditorio do Centro Ágora.
VAL DO DUBRA. Venres, 12 de decembro. 18 horas. Auditorio Municipal.
BEGONTE. Domingo, 14 de decembro. 17 horas. Centro Sociocultural José Domínguez Guizán.
RAMIRÁS. Venres, 19 de decembro. 12 horas. Salón de actos do Centro sociocultural do Picouto.